19 de Novembro de 2019
Cobros acumulados de recibos de servizos complementarios
O próximo día 21 de novembro (pasado mañá) o Concello cobrará os recibos da Escola de Verán de 2019 e do Setembro Lúdico de 2019, e o día 25 de novembro cargaranse os recibos dos servizos de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas do mes de setembro de 2019.
Este é o escrito presentado en Rexistro polas Anpas do Concello de Ames por mor desta problemática, que este ano se volve repetir, e na que non se ve que se tomasen as medidas oportunas por parte do Concello para evitala:
----
As Anpas do Concello de Ames, ante a situación repititiva e sangrante polos cobros dos servizos complementarios e comedores que se efectuarán ao longo dos meses de novembro e decembro, tal e como se indica na circular remitida o 14 de novembro dende o departamento de educación, e que afecta dun xeito perturbador ás economías familiares, cremos inxustificado que o concello, e en concreto a Concellaría de Educación, desoia as nosa peticións formuladas hai máis dun ano, apoiadas incluso co requirimento á institución municipal de informes pertinentes por parte do Valedor do Pobo.
Asemade, consideramos que o número de usuarios, programas e servizos non explica o atraso na execución dos recibos. Entendemos que o devandito volume non pode ser nunca excusa para tales demoras nunha admnistración local, neste caso o Concello de Ames, que debe contar con recursos suficientes para unha xestión puntual e eficaz.
Polo que, SOLICITAMOS:
- Que se lles informe ás familias do importe correspondente para poder verificar se poden facer fronte a tales contías conxuntas.
- Que se lles dea opcións e facilidades, con fraccionamentos e aprazamentos dos devanditos pagos. Así mesmo, instamos a proporcionarlles unha vía fácil e sinxela, telefónica ou telemática, sen necesidade de trámite presencial.
- Que se tomen as medidas oportunas para a resolución definitiva desta problemática.
Ames, 15 de novembro de 2019
----
O escrito foi presentado onte por rexistro.
Adicionalmente estamos traballando tamén para que se realicen as reunións de comedor pendentes e que solucionen os problemas co TokApp.